Friday 10 de May de 2024

En marcha os traballos para dotar ao Barrio das Flores da súa primeira área deportiva de calistenia, que estará situada na contorna do pavillón municipal


As obras comezaron esta semana, co acoutado dunha superficie de 104 metros cadrados onde se instalarán as novas estruturas. Ademais, xa se está a executar a remoción de terra previa á creación do pavimento de area

O Concello da Coruña comezou esta semana os traballos de construción da primeira área deportiva de calistenia no Barrio das Flores, que estará en funcionamento no mes de xullo.

As obras, que se están levando a cabo na zona axardinada situada na parte posterior ao polideportivo municipal do barrio, comezaron este martes co acoutado da superficie onde se instalarán as novas estruturas de exercicio. Como paso previo á disposición das mesmas, estase a executar tamén a remoción de terra necesaria para, xa a continuación, dar forma ao pavimento de area sobre o que se habilitará a área de calistenia. Este novo recinto destinado á práctica deportiva ao aire libre terá unha superficie total de 104 metros cadrados.

As novas estruturas incluirán diversos circuítos de argolas, abdominais e flexións

Na nova área de calistenia do Barrio das Flores está previsto instalar, xa desde a vindeira semana, diversas estruturas e circuítos de adestramento como barras de argolas, elevacións en forma de serpe, un banco de abdominais recto e outro inclinado, paralelas americanas, barras de elevacións, unha parede sueca, un sector de flexións en triple francesa e unha monkey-bar.

A este respecto, e ao igual que nas áreas de calistenia abertas anteriormente polo Goberno de Inés Rey na contorna da praia de Oza e a rúa Alcalde Jaime Hervada, no Ventorrillo, disporanse paneis informativos para orientar as persoas usuarias sobre os respectivos usos das estruturas deportivas.

O recinto estará acoutado por travesas de madeira e, ademais, no contexto da intervención, os servizos municipais levarán a cabo unha actuación conxunta para dotar a contorna de novo mobiliario urbano, con máis bancos para o lecer da veciñanza, e o acondicionamento das áreas verdes lindeiras.